Fred Quincalla, o nómade do mar, de Teresa González Costa

Page 1

lomo ajustado para 104 pp = 7,52 mm

D E

L I B R O S

A PARTIR DE 8 ANOS Recendos de aire sonoro Un niño no xardín O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas Desde unha estrela distante As viaxes de Ruki O segredo da Illa Negra O trompetista e a Lúa Unha casiña branca O soño do Merlo Branco Fred Quincalla, o nómade do mar

Esta é unha das moitas historias de Leopolda Diéguez, fascinante narradora e facedora de artes máxicas. Viaxeira por curiosidade e necesidade, un día Leopolda deu co Gran Gogol, un cociñeiro aprendiz de violinista e fuxitivo da inxustiza. Desde entón os dous viaxan xuntos no barco de Leopolda, dando espectáculos musicais en cada lugar ao que chegan e disfrazados para pasaren inadvertidos. Non é para menos: un rei e mais unha duquesa andan tras deles.

D E

L I B R O S

Teresa González Costa

Fred Quincalla, o nómade do mar Ilustracións de Marina Seoane

ÚLTIMOS TÍTULOS PUBLICADOS

9

788491 211457

O segredo da Illa Negra O trompetista e a Lúa Os Sabuxos divírtense no Museo Prohibído Unha casiña branca Feliz Feroz. O lobiño riquiño Catro cascarolos Poemas birollos para ler cos ollos Bala Perdida O soño do Merlo Branco Fred Quincalla, o nómade do mar

1384062

I S B N 978-84-9121-145-7

xg002483_fred_quincalla.indd 1-3,5

S O P A

A partir de 8 anos

Fred Quincalla, o nómade do mar

Catro amigos pillabáns

62

Teresa González Costa

S O P A

9/1/17 15:19


© Do texto: Teresa González Costa, 2017 © Das ilustracións: Marina Seoane, 2017 © Desta edición: Edicións Xerais de Galicia, 2017 Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo http://www.xerais.gal http://ww.blogaliza.gal xerais@xerais.gal Primeira edición, xaneiro 2017

Deseño: Manuel Estrada Maquetación: Helena Pérez ISBN: 978-84-9121-145-7 Depósito legal: VG 687-2016

Reservados todos os dereitos. O contido desta obra está protexido pola lei, que prohibe a reprodución, plaxio, distribución ou comunicación pública, en todo ou en parte, dunha obra literaria, artística ou científica, ou a súa transformación, interpretación ou execución artística fixada en calquera tipo de soporte ou comunicada a través de calquera medio, sen a preceptiva autorización.

González Costa, Teresa Fred Quincalla, o nómade do mar / Teresa González Costa; ilustracións de Marina Seoane — Vigo: Edicións Xerais, 2017 104 p.; il. col.; 20 cm — (Sopa de Libros, 62) ISBN 978-84-9121-145-7 1. Conta contos. 2. Amizade. 3. Ser diferente. 4. Viaxes. 5. Autómatas. 6. Piratas. I. Seoane, Marina, il.


Fred Quincalla, o nĂłmade do mar Unha historia de Leopolda DiĂŠguez



SOPA DE LIBROS

Teresa González Costa

Fred Quincalla, o nómade do mar Unha historia de Leopolda Diéguez

Ilustracións de Marina Seoane



Esta é unha das moitas historias de Leopolda Diéguez, fascinante narradora e facedora de artes máxicas. Viaxeira por curiosidade mais tamén por necesidade, un día Leopolda deu co Gran Gogol, un cociñeiro aprendiz de violinista e fuxitivo da inxustiza. Desde aquela os dous viaxan xuntos no barco de Leopolda, dando espectáculos musicais en cada lugar ao que chegan e disfrazados para pasaren inadvertidos. Non é para menos: un rei e mais unha duquesa andan tras deles. A historia que hoxe vas ler naceu unha noite…

7



…en que a Lúa xa se deitara sobre o mar, e o vello barco, o Azimut, se deixaba arrolar nas ondas tranquilas dalgunha parte do Atlántico. A illa onde Leopolda Diéguez e o Gran Gogol decidiran actuar ao día seguinte xa se espreitaba ao lonxe, e desde o ollo de boi era un tremente escintileo de luces reflectidas na auga. Leopolda, deitada no seu camarote, observaba aquel obxecto que atopara pola tarde entre todas as súas cousas. —Leopolda! Era a terceira ou cuarta vez que o Gran Gogol chamaba por ela, mais Leopolda non escoitaba ou, como dicía Gran, non quería escoitar. —Leo! —Xa, xa baixo –respondeu ela por fin–. Un momentiño. Mais Leopolda non baixaba. Que tiña de especial aquilo que atopara? Fose o que for, aquel obxecto diminuto facía

9


10

que a imaxinación de Leopolda Diéguez voase lonxe, moi lonxe. —Leopolda! —Que? —Que? Preguntas que? –exclamou o Gran Gogol tentando non perder a paciencia–. A cea! —Que si… Xa vou. Cando transcorreron cinco minutos máis, o Gran Gogol limpou as mans no mandilón de cociña e turrou da corda con insistencia. A campaíña soou. —Por última vez, Le… Ela asomou a cabeza polo extremo superior das escadas que levaban ata o seu camarote. —Non fai falla que toques a campá –dixo ela con tranquilidade–. Xa te oín. Chamáchesme polo menos cen veces. —Grazas por responder outras tantas, es moi amable. Baixa dunha vez. —Estou pensando, Gran Gogol –afirmou Leopolda desaparecendo de novo.


Gran Gogol sacou o gorro de cociña e retorceuno entre as súas mans. —Sempre estás pensando! –berrou. —Ti non o fas? –preguntou Leopolda. —Si, claro –respondeu el–. E sabes que estou pensando? Que se non baixas agora mesmo, Leopolda Diéguez, acabarei botando a tarteira da cea polo ollo de boi. Coa túa parte de cea, claro. Ela botouse a rir. —Ti nunca farías algo así, Gran. Non, o Gran Gogol nunca faría algo así. Mais a el non lle gustaba que a comida arrefecese, e iso era o único que lograba anoxalo de verdade. Por ese motivo despedírano do último traballo que tivera, no pazo duns duques. A duquesa sempre chegaba tarde á cea e, nunha ocasión o Gran Gogol entrara no comedor facendo espaventos co seu gorro de cociñeiro para chamarlle maleducada e irrespectuosa diante dos seus aristocráticos invitados. A duquesa puxérase viole-

11


12

ta de furia pois non soportaba que un cociñeiro lle dixese aquelas dúas verdades, así que, non contenta con despedir ao Gran Gogol, acusárao de roubar os cubertos de prata. Tras o anoxoso episodio Gran botara a correr para non ser detido pola garda da duquesa. E pouco despois, durante a súa carreira, coñeceu a Leopolda. Leopolda sabía o mirado que era o Gran Gogol cos horarios da comida, pero tamén sabía que el sempre acababa perdoándollo todo. Ela non era unha duquesa. —Leopolda, por favor, baixa… —Que si. Unha vez máis o Gran Gogol suspirou e mirou a cabeza do peixe asado buscando complicidade. Mais o peixe asado non pensaba ofrecerlla, non despois do trato que recibira. —É a hora de cear, Leo –dixo Gran respirando fondo cando ela baixou por fin–. Comer é necesario.


—Pensar tamén é necesario, Gran. —Pensarás mellor despois de comer, Leo. —Sempre pensas en comer, Gran. O Gran Gogol achegoulle a cadeira. —Que é iso? –preguntou o paciente cociñeiro sinalando o obxecto que a súa amiga aínda tiña entre as mans. —É o que me facía pensar –respondeu. —E que vén sendo? Outro ingrediente para amansar morcegos? Un dos retratos en miniatura da túa avoa a meiga? Unha das túas catrocentas pedras mexicanas cantadoras? —Nada diso –respondeu Leopolda amosándolle o obxecto. O Gran Gogol mirouna desconcertado. —Iso? –dixo sinalando o parafuso que ela lle amosaba–. Iso? É unha broma? —Non. —Desde cando un parafuso oxidado dá tanto que pensar? Eh? Desde cando un parafuso oxidado pode facer que al-

13


14

guén chegue tarde á opípara cea que estiven a preparar durante unha hora? —Non é un parafuso calquera –replicou ela musgando os ollos para observar fixamente o pequeno obxecto entre o índice e o polgar. —Non me digas –dixo Gran sen amosar demasiado interese–. Deixa, xa che sirvo eu a auga. E pon o pano de mesa arredor do pescozo. Leopolda, absorta, apenas lle facía caso. O Gran Gogol acabou amarrándolle el mesmo o pano de mesa. —É curioso que o atopase hoxe, despois de tantos anos –murmurou–. Estaba entre as miñas cousas. —O curioso é que atopes algo nesa morea de cousas. Pódese saber por que é tan interesante? Leopolda ergueu a mirada. —Ah –dixo adoptando un aire interesante–, pois porque foi un regalo que me fixo o mundialmente coñecido André Figura.


—Pois eu non coñezo de nada ese mundialmente coñecido Figura. Quen era? —Era un mestre que tiven –respondeu Leopolda. O Gran Gogol procedeu a cortar o pan. —E regalouche un parafuso? Que detalle! —Xa che dixen que non era un parafuso calquera –replicou Leopolda–. Pertenceu nada máis e nada menos que a Fred Quincalla. —Vaia nomes. André Figura, Fred Quincalla… Deixa, xa che paso eu o pan. E non te abanees na cadeira. —Xa vexo que me escoitas. —Estoute a escoitar, Leopolda. Toma, colle este garfo. Non, ese non, o do peixe. Cantas veces teño que repetirche que o peixe precisa duns cubertos de seu? Por certo, lavaches as mans? Cando os dous estiveron correctamente sentados diante da cea xa morna, e

15


despois de dar as grazas ao Grande Espírito do Peixe como facían todos os días, o Gran Gogol, máis relaxado, pensou que debía ser un pouco máis atento con Leopolda. —Quen é ese Fred Quincalla? –preguntou tratando de amosar interese. —É un autómata. 16



18

O Gran Gogol botouse a rir. —Un autómata? –enfatizou collendo un bocado de peixe–. Tal e como falabas del, Leopolda, pensei que existira de verdade. —Existe, Gran, de verdade. Vive no país dos autómatas. —Xa, o país dos autómatas –repetiu el con retranca–. Iso non existe. —Existe, claro que existe. —Non me digas. E como o sabes? —Pois porque durante un tempo –respondeu Leopolda adoptando de novo un aire interesante– eu arranxei autómatas. O Gran Gogol abriu uns ollos coma pratos. —Que? Esa especie de… de… bonecos que andan sós? —Non son simples bonecos que andan sós, Gran. Son figuras antropomorfas de maquinaria sofisticada. —E ti arranxábalos. —Pois si. E o meu mestre, o reloxeiro Pedro Figura, faloume un día de Fred.


Leopolda nunca deixaría de sorprender ao Gran Gogol, e cada día, ou case, aprendía algo novo dela. Sabía que fora hipnotizadora de serpes no Nepal, maga en Venecia, prestidixitadora en Nova York. E outras cousas igual de emocionantes que o Gran Gogol non lembraba porque eran moitas. O que si lembraba perfectamente era a noite en que coñecera a Leopolda, e que nunca esquecería. Esa noite chovía moito naquela viliña francesa. Ía frío, e o Gran Gogol corría polas rúas estreitas e apenas iluminadas fuxindo da garda da duquesa que ameazaba con levalo a remar nas galeras. As figuras de escuros presaxios que se debuxaban no ceo chocaban entre elas con forza e deixaban caer as súas luminosas espadas detrás dos pasos do medorento fuxitivo. O ambiente era metaforicamente terrorífico, demasiado para os gustos sinxelos do Gran Gogol, que corría sen folgos. E xusto cando estaba a piques de

19


20

ser capturado, Gran viu ao lonxe a luz cálida dunha pequena carpa levantada nunha praza. Dentro daquela carpa estaba a representarse un espectáculo, así que Gran meteuse como puido entre a xente e tentou facerse pequeno. E daquela foi cando a viu. Alí estaba ela, Leopolda Diéguez, no medio da pequena pista inventando historias con palabras que lle lanzaba o público sentado arredor dela. Despois de facer delicados malabares coas palabras, aquela ilusionista ía modelándoas coas mans ata que lles daba forma. E diante dos ollos daquela audiencia hipnotizada, os personaxes saían… Saían do nada…, espertando admiración e acendendo soños apagados naquela xente que non deixaba de pronunciar palabras coma se estivesen a recitar un longo poema. El mesmo, o Gran Gogol, non puidera resistirse e, a pesar do medo que lle causaban os gardas que andaban por fóra, cu-


xas sombras uniformadas distinguía proxectadas na carpa, murmurara unha palabra: Rosa e Leopolda Diéguez, suxeitando delicadamente aquel perfumado nome polo aire, lograra crear a Rosa só para el. E aínda que aqueles personaxes que Leopolda creaba eran personaxes ilusorios, feitos de po máxico e de palabras, personaxes que só duraban uns intres para acabar desaparecendo, el, o Gran Gogol, tivera un segundo diante dos seus ollos a figura danzante da súa querida Rosa, o amor da súa vida. Rosa, a máis fermosa das bailarinas que marchara cun actor de teatro sen despedirse sequera del… Rosa, aquela a quen o Gran Gogol, cociñeiro e aprendiz de violinista, nunca lle declarara o seu amor por medo a que ela o rexeitase…

21


22

—Rosa… —Gran Gogol… —Rosa… —Gran Gogol… Eh, Gran… —Rosa… Leopolda deu unhas palmadas no brazo do Gran Gogol, que espertou do seu soño. —Estás soñando e aínda non encetaches a cea –recriminoulle ela. —Non estaba soñando –defendeuse el. —Si, Gran. Puiden ver nos teus soñadores ollos que estabas rememorando aquela noite. E mira, a comida arrefeceu. —Non, non, Leo –dixo el volvendo á cea–. De verdade. Escoitaba o que dicías. Dicías que un día arranxabas bonecos… Quero dicir, figuras sofisticadas… —Falábache de Fred Quincalla, Gran. E dicíache que fora Pedro Figura, o mestre reloxeiro, quen me falara del. É unha longa historia. Pero non me dou lembrado de todos os detalles. Gran, estou preocupada.


—Por que? —Pois porque esta serena quietude en que vivimos está acabando comigo. Preciso animación, Gran. Movemento. Acción. Vento en contra. —Non digas iso, a ver se nos vai pasar algo… —Xa estás coas túas supersticións. O que digo é que preciso aventuras. —O outro día vimos unha balea –dixo o Gran Gogol. —Certo, Gran. Pero marchou. —E que me dis da quenlla que ficou onda nós tres días? Acaso non foi emocionante? Eh? —Claro que si. Pero tamén a quenlla acabou marchando de aburrida que estaba. Nin sequera tiña unha boa historia para contarlla. Nin un pequeno número de maxia para impresionala… Lepolda retirou o seu prato a un lado e puxo a cabeza entre os brazos apoiados na mesa.

23


24

—Xa non son a que era, Gran… –laiouse–. Nin sequera lembro a historia de Fred Quincalla, podería contarcha… Pero non lembro ningún detalle. Non, xa non son a mesma. A este paso, acabarei por perder a memoria. Si, estou segura de que alguén me botou un meigallo… O Gran Gogol suspirou. Ultimamente a Leopolda metéraselle na cabeza que alguén lle lanzara unha maldición. —Quen é agora a supersticiosa? Eh? –dixo o seu amigo–. Precisas descansar, iso é todo. E non te preocupes do Quin-



26

calla ese, xa te lembrarás. E o das aventuras pode esperar. Sabes que canto menos ruído fagamos, mellor. A última vez case nos descobre a garda. Leopolda ergueu a cabeza. —De verdade cres que é necesario que sigamos agochándonos? –preguntou. —Pois claro –dixo o Gran Gogol baixando a voz, coma se alguén puidese escoitar o seu medo. —Pero Gran, se iso xa pasou. —Non, a duquesa nunca esquece. Non desde que lle chamei aquilo diante de todo o mundo. Mira que culparme de roubar os cubertos de prata… —Acusar así é propio da xente altamente maleducada, Gran. Fixeches ben en dicirlle o que lle dixeches. E eu aínda lle diría máis. —Como se ve que nunca te colleu a garda da duquesa. Pero a ti tamén te buscan, Leopolda. Non o esquezas. Era certo. O mesmísimo rei acusara a Leopolda de contar mentiras á xente nun


lugar público. Leopolda lembraba moi ben o bando cravado nos verdosos muros de todo o reino, bando que aínda conservaba entre os seus papeis porque lle gustara moito o retrato en tinta chinesa que acompañaba aquelas palabras que, pola contra, non eran nada agradables:

«Búscase a Leopolda Diéguez, contadora de mentiras, fabricadora de quimeras e creadora de soños inútiles. Haberá recompensa.»

De feito, aquela noite de choiva o Gran Gogol non fora o único que saíra correndo da carpa perseguido pola garda da duquesa, senón que Leopolda tamén tivera que fuxir perseguida pola garda de El-Rei, saltando entre as figuras creadas pola ilusión e deixando o público, extremadamente decepcionado, coa palabra na boca. E si, a recompensa que El-Rei prometera era tan tan grande que moita xente que antes non tiña nada en contra de Leopolda Diéguez non dubidara en

27


28

darlle caza coma se se tratase de cazar o mesmo diaño. —O que lle conta mentiras á xente é o rei! –exclamou Leopolda subitamente alterada–. Si, o rei, ese patarolo mostachudo mentireiro que sempre anda prometendo mil cousas ao pobo e nunca dá nada. Eu, Leopolda Diéguez, nunca lle contei mentiras a ninguén. Eu contaba historias, Gran. É moi diferente. E sabes que? —Si, Leo. Xa o sei. —Que unha historia é unha historia… —E unha mentira é unha mentira –concluíu o Gran Gogol–. Tes razón. Veña, veña, xa está. Leopolda subiuse enriba da cadeira. —Non, Gran, aínda non está –dixo ela co garfo a modo de espada–. E sabes que máis? Seguro que foi un dos numerosos magos que traballan para o rei quen me botou un meigallo. Porque non é normal


que desde hai máis dun mes, eu, Leopolda Diéguez, non sexa capaz nin de hipnotizar unha sardiña. Unha vez máis, talvez a décima, o Gran Gogol suspirou. —Veña, agora baixa da cadeira e remata a cea –dixo–. Despois temos que ensaiar. Leopolda sentou. —Xa –murmurou collendo outro anaco de comida co garfo–, xa o sei. Cando remataron a cea, xa tarde, Gran Gogol tocou o violín e Leopolda cantou. Aquela vila onde actuarían ao día seguinte e onde aínda non estiveran nunca xa se podía percibir con máis nitidez. Esperaban gañar un pouco de diñeiro con aquel repertorio de cancións compostas polo propio Gran Gogol, cancións algo tristes, certo, pero que non obstante gustaban o suficiente como para que a xente lles botase as moedas que lles permitirían seguir viaxando.

29


Pouco despois do ensaio metéronse en cadanseu camarote. Mais Leopolda Diéguez non tiña sono.

30

Esa mesma noite, xa tarde, Lepolda achegouse ao Gran Gogol, que durmía placidamente envurullado na súa enorme manta. —Eh, Gran. Gran! El espertou sobresaltado. —Que?! Os ollos de Leopolda brillaban na escuridade. —Sabes que hora é, muller? —Non –murmurou ela–. Por que? —Por que, dis? Por que? Pódese saber por que me espertas? Estaba a soñar. —Con Rosa, eh? –dixo o amplo sorriso que Leopolda debuxou na escuridade. —Pois si. Espero que teñas unha boa razón para espertarme. Ela aclarou a voz:


—Unha razón boísima. Vouche falar de Fred Quincalla. O Gran Gogol sentou e deluvou os ollos. —O autómata? Vasme falar do autómata… agora? —Claro, Gran. Xa me lembrei da súa historia. Vaiche axudar a durmir. —Xa estaba a durmir. —Que me perdoe Rosa, querido Gran, pero durmirás mellor cando che conte esta historia. —Estás segura? —Estou. Escoita. Gran suspirou. —Esta é a historia de Fred Quincalla –empezou Leopolda. —Si, xa mo dixeras antes. Empezas? —Se te pos así, non –encabuxouse ela cruzando os brazos. Sen poder facer outra cousa, Gran fixo o que adoitaba facer sempre, suspirar.

31


32

Mais Leopolda tiña tantas ganas de contarlle aquela historia que aclarou a voz e comezou por fin. Ou case. —Escoita con atención, Gran –repetiu Leopolda adoptando unha voz misteriosa–. Porque Fred Quincalla é unha lenda do país dos autómatas. —Unha lenda? Dixeras que existira –replicou el. —Foi unha lenda existente. Como todas as lendas. E agora, atención. Escoitas, Gran? —Escoito, Leo. —Prometes que non vas durmir? —Prometo. —Ergue a man e di «prometo». Bocexando, o Gran Gogol ergueu a man e prometeu. Leopolda Diéguez aclarou a voz por segunda vez para comezar, desta volta de verdade, o seu relato:


«Fred Quincalla, o nómade do mar»

Os habitantes da illa Mecánica eran autómatas perfectos e a súa illa un exemplo de perfección inigualable. Grazas ao Grande Artefacto que gobernaba naquel lugar con precisa exactitude, a vida transcorría con eficacia na cidade cuadriculada de rúas interminables e de brillantes edificios. Cada autómata tiña encomendado un traballo diferente, traballo que todos desempeñaban con aplicación. Todo funcionaba ben, moi ben. Só as treboadas podían causar avarías, mais os autómatas expertos que traballaban no hospital técnico acudían axiña e arranxaban aqueles curtocircuítos.

33


34

Os autómatas de Mecánica non coñecían o medo, nin a tristura, nin tampouco a alegría. Estaban alí, simplemente, indo dun lado para outro para efectuar os traballos que lles asignaban, e as súas caras nunca mudaban de expresión. Os seus ollos non choraban nin os seus metálicos brazos abrazaban. O único que facían era traballar para que a maquinaria da illa Mecánica seguise funcionando, perfecta e pulida como unha xoia metálica no medio do océano. O robótico orgullo daqueles autómatas era inexpresivo, nada vaidoso, a pesar de que podían presumir de que en Mecánica non existían os retrasos, nin a desorde, nin os atascos de tráfico. As súas arterias urbanas nunca se entupían de innecesarios obstáculos. Desde había un tempo os autómatas acudían onda o Grande Artefacto para queixarse, pero era sempre do mesmo: de Fred Quincalla. El tamén era un autó-


mata, Fred, pero non coma os demais. A súa aparencia deixaba adiviñar que fora feito con desleixo e con calquera cousa atopada á man. A diferenza dos outros autómatas, que estaban feitos cos mellores materiais inoxidables, pulidos e brillantes, Fred Quincalla estaba feito con anacos de madeira e metal de barco vello, algo impensable en Mecánica. Cando falaba, saía de Quincalla unha voz metálica algo oxidada. Non coma a dos outros autómatas, que emitían sons limpos e claros. Da mesma maneira, os seus pasos eran imperfectos, e resoaban con torpeza naquelas rúas. Se unha dúbida cabía nas cabezas perfectas dos habitantes de Mecánica, era a da procedencia daquel artefacto que ninguén ousaba chamar autómata. Como chegara ata alí aquela imperfección? Fred era considerado unha mancha naquela superficie abraiante. Nun dos brazos de Fred Quincalla podía lerse FRED en grandes letras pinta-

35


36

das de vermello, coma se aquel anaco de palabra fose unha tatuaxe. Ninguén, nin sequera o Grande Artefacto, sabía que aquel brazo pertencera á proa dun barco chamado Magno Godofredi. A madeira do barco fora serrada polo medio da palabra Godofredi, e o autómata quedara coa metade do nome, FRED. De modo que todos o chamaban así, mais a el non lle desgustaba, ben ao contrario. En canto ao seu apelido, Quincalla, viña por toda esa morea de chatarra coa que estaba feito. Mais a Fred tampouco lle desgustaba ese apelido que algúns pronunciaban con desprezo. Ninguén entendía por que motivo ás veces Fred Quincalla botaba a correr, ou por que se poñía a saltar coma se a súa maquinaria se descontrolase. Tampouco entendían por que lle saían gotiñas de auga polos ollos, ou por que a súa boca podía estirarse de orella a orella para amosar aqueles dentes feitos de parafusos de diferente tamaño. Os autómatas



38

de Mecánica sentían medo de Fred sen sabelo. Polas noites, os habitantes de Mecánica comezaron a reunirse entre eles para rexoubar. Dicían que Fred Quincalla non servía para nada, ou que non desempeñaba como era debido aqueles traballos que se lle asignaban, entre outras cousas. —Fred Quincalla é ruidoso. —Fred Quincalla é torpe. —Fred Quincalla é raro. —Que imos facer con el? –dicían–. É un estorbo para o bo funcionamento de Mecánica. —É unha vergoña –engadían os autómatas máis vellos. —O Grande Artefacto ten que botalo de aquí –concluían outros. Fred Quincalla podía estar días enteiros lendo libros deitado nunha chalupa que el mesmo fabricara con anacos de madeira. Eran libros que atopara dentro dunha caixa aparecida na praia e que el


agochara celosamente para que os demais non llos quitasen. Fred lía tanto porque non tiña ninguén con quen falar, ninguén con quen compartir todo o que lle pasaba por aquela cabeza inqueda feita de madeira de casco de veleiro. Non había ninguén en Mecánica a quen contarlle as inquedanzas que albergaba o seu compás. Porque o corazón de Quincalla era un compás colocado alí, na arca do peito, con algo de descoido, como quen coloca un botón mal cosido nun boneco feito a correr. Para ser aceptado, Quincalla tentara ser coma os demais, pero aquel intento non lle saíra ben. En realidade, tivera consecuencias que os outros autómatas estimaron catastróficas. O último deses intentos por agradar fora cando Quincalla quixo axudar a construír o edificio que albergaría a nova Sala de Máquinas, lugar destinado á investigación e mellora dos inmellorables autómatas daquela illa. O teito caera abaixo no último mo-

39


40

mento esmagando meses e meses de traballo, así como algúns dos aparellos de última tecnoloxía. Sen dúbida, aquilo fora culpa de Fred Quincalla, como todo o que saía mal. O Grande Artefacto, empuxado polos habitantes, decidiu consultar os mellores expertos mecánicos. Mais os expertos aseguraron que facer algo bo con Fred Quincalla era simplemente imposible.


—O mellor sería desfacelo de todo para despois facelo outra vez, con outros materiais –dicían mentres examinaban a Fred cos seus instrumentos, que a el lle parecían temibles. Os expertos falaban entre eles e nunca se dirixían a Fred directamente. Pero mentres era examinado el pensaba moito, e tiña ganas de dicirlles que, de faceren aquilo, desfacelo para despois fabri-

41


42

calo de novo, el, Fred Quincalla, deixaría de ser Fred Quincalla. —Así xa non serei eu –ousou apoñer un día, canso de tanto exame. —Pois mellor, Quincalla –congratuláronse os expertos–. Se te cambiamos, polo menos serás eficiente, como todos nós. —E xa non causarás problemas –engadiu alguén. —E xa non serás defectuoso. Porque iso era o que estaba escrito en todos e cada un dos papeis que tiñan que encher os autómatas expertos: «Fred Quincalla é defectuoso. Non é apto para o traballo.» Unha noite, deitado no fondo da súa barca, Fred escoitou as historias que contaban uns mariñeiros chegados ata Mecánica para vender baterías. Falaban de piratas, terribles e temibles, que percorrían os mares de norte a sur, de leste a oeste. Tamén falaban doutras cidades arredadas e dos autómatas que nelas vi-


vían. Fred Quincalla sabía que existían outros lugares, mais nunca se lle ocorrera que talvez non eran tan perfectos como Mecánica. —Seguro que hai alguén coma min –murmurou esperanzado, mirando para o ceo. Despois quedou a durmir. Esa mesma noite houbo unha forte tormenta e a agulla do compás de Fred empezou a dar voltas vertixinosamente: «Marcha, Fred Quincalla… Vaite de aquí… Non perdas máis tempo… Estás en perigo… Mañá será demasiado tarde», murmuraba a súa agulla a cada volta que daba. Fred Quincalla ergueuse asustado. Sacando a cabeza por fóra da súa barca puido ver que o Grande Artefacto camiñaba na súa dirección rodeado polos autómatas expertos. Sen agardar para ver que querían, mais intuíndo que non lle querían nada bo, Fred encheu unha caixa de lata con algo de aceite para as xunturas e líquido para a madeira, e sen ser

43


44

visto introduciu a súa barca na auga. Esa noite remou con todas as súas forzas de autómata ata chegar a mar aberto e, cando por fin ousou mirar para atrás, a illa Mecánica xa se convertera en pasado. Transcorreron moitos días e moitas noites sen avistar nada, nin unha illa, nin un barco. Só os golfiños que ás veces o acompañaban, e unha balea que saudaba a Fred expulsando auga e cantando cancións de profundo significado.


Durante o día o sol queimaba cos seus raios implacables. Fred Quincalla non tardou en quedar sen aceite e os seus ferros empezaron a oxidarse. —Se non atopo axiña alguén, vou vagar na miña barca para sempre –dicíalle Fred á balea, que nunca dicía nada. Polas noites, para non ter medo, Fred Quincalla contaba as estrelas. Porque Fred tiña medo, sobre todo durante as noites, pois o medo é escuro, frío e inquietante, mesmo para un autómata. Pensaba que ía quedar así para sempre,

45


46

navegando sen rumbo, cando por fin albiscou unha illa ao lonxe. Cos últimos folgos que lle quedaban Fred foise achegando á costa, onde uns autómatas lle deron a benvida e axudárono a baixar da barca co mellor dos sorrisos que foron quen de debuxar nos seus rostros. A voz correu dun lado a outro da illa, chamada Astetik, e rapidamente acudiu unha comitiva para velo. Ninguén dicía nada, mais Fred Quincalla parecíalles horrible, o autómata menos agraciado, por non dicir máis feo, que viran nas súas automáticas vidas. Aínda así, non dixeron nada e deixárono quedar entre eles. A perfección daqueles autómatas, pensou Fred, era semellante á dos habitantes de Mecánica, mais os de Astetik eran aínda máis fermosos pois pasaban o seu tempo adornando os seus corpos con todo tipo de accesorios. Todo naquel lu-


gar era fermoso, e exuberante. A abundante e automática flora dáballes aos autómatas todo o que precisaban, así como os automáticos animais. Os edificios dispuñan de todo tipo de comodidades automáticas para que os moradores non tivesen que facer ningún esforzo. En cada recanto da illa había espellos onde os autómatas podían mirarse seguido para admirar a súa beleza. Fred soubo axiña que os máis fermosos entre todos serían expostos na Exposición Autómata Universal, e que ese era o maior dos seus automáticos soños. En Astetik ninguén lle pedía a Quincalla que fixese ningún traballo e, cando quería axudar, dicíanlle que non había nada que facer. Todos facían o que querían e o que querían era facerse aínda máis fermosos. No medio daqueles autómatas Fred non atopaba o seu sitio, e sempre era un estorbo. Nin sequera na illa Mecánica se sentira tan fóra de lugar como naquela illa.

47


48

Igual que en Mecánica, todos fuxían de Fred e cando por algunha razón o atopaban polo camiño daban media volta disimulando o seu desagrado. —Que feo é –dicían polo baixo. —Horripilante. —Quen foi quen de crear algo así? E a medida que pasou o tempo, el mesmo, Fred Quincalla, mirándose nun daqueles espellos pensou que levaban razón. Era feo. Moi feo, incluso. Así que axiña deixou de sorrir, mesmo de camiñar. Tentaba pasar inadvertido e a maior parte do tempo andaba agochado. Só ás veces saía do seu agocho para coller algunha provisión, mais axiña volvía ao tobo. Un día, un autómata moi elegante achegouse a Fred. Vestía unha longa capa e toucábase cun chapeu de copa. Nun principio Fred non ousou saír para achegarse a el, pois pasara demasiado tempo escapando do contacto cos de-


mais. Mais para a súa sorpresa o autómata elegante chamouno con amabilidade. —Ven, Fred Quincalla –dixo a voz encantadora do autómata elegante–. Gustaríame propoñerche algo. —A min? –soou unha voz medorenta entre os arbustos. —Claro! A quen se non? E o autómata feito de anacos de barco vello atreveuse a asomar a cabeza por fin. —Se ti queres, Fred Quincalla, terás un posto especial na Exposición deste ano –dixo aquel autómata de sorriso engaiolante sinalando a Fred cun bastón que só servía para adornar. O autómata elegante tivo que repetir aquelas palabras, pois Fred non daba creto ao que ouvía. —De verdade? –exclamou por fin–. Eu? Na Exposición Universal? En serio? —Claro –riu o autómata elegante–. Por que non?

49


50

Aquilo que parecía imposible, estar entre os máis fermosos de todos os autómatas de Astetik, por algunha razón facíase agora realidade. Talvez non era tan horrible a fin de contas… De alegría, sen desconfiar das intencións daquel personaxe, Quincalla amosou os imperfectos parafusos da súa enorme boca. —Si, Quincalla –proseguiu aquel autómata disimulando o seu desgusto–. Fas ben en amosar a túa alegría. Porque estarás nunha nova sala que fixemos só para ti e que chamaremos Sala de Artefactos Imperfectos e Estraños. Que che parece? Só para ti! Así os numerosos visitantes que agardamos este ano poderán mirar un exemplar realmente curioso. Serás unha atracción! O teu horrible aspecto causará sensación! Os ollos do autómata elegante enchéronse de brillantes moedas e a esperanza de Quincalla esvaeceu. —Non dis nada, Fred Quincalla? Pois virei mañá a primeira hora para que me


deas a túa resposta –dixo o autómata elegante que xa marchaba, convencido de que Fred aceptaría encantado. Enchendo unha vez máis a maleta de cousas necesarias, esa mesma noite Fred meteuse na súa barca e soltou os cabos. —Non –murmuraba–. Pode que non atope o meu lugar, mais eu non son ningún monstro. E unha vez máis remou ata que Astetik quedou lonxe dabondo como para dignarse dedicarlle unha lembranza. Mais as provisións non duraron demasiado, e de novo Fred sentiuse só e sen forzas no medio do océano. Unha vez máis os golfiños ficaron ao seu carón para animalo, e unha vez máis a balea quixo calmalo coa súa canción. Un día apareceu un barco ao lonxe. Coas forzas que lle quedaban Fred púxose de pé na barca e axitou os seus brazos de madeira: —Aquí! Estou aquí! Aquí! Axuda! –berraba sen parar.

51



Aquela nave, chamada Prisciliano Primeiro, era un barco pirata que ese día tiña a bandeira a remollo a causa das numerosas gaivotas que lle fixeran agravio. Por iso Fred Quincalla soubo da identidade do barco cando foi demasiado tarde, cando xa se atopaba na cuberta, entre a tripulación que o miraba con curiosidade. Os piratas autómatas mofáronse de Fred e da súa vella caixa de latón. —Que temos aquí? Vaia tesouro! –berrou alguén. Os outros piratas escacharon a rir coas súas fulminantes risas de trono. Pero o capitán do Prisciliano Primeiro, pirata excepcionalmente distinguido e educado onde os haxa, mandounos calar. Examinando a Fred Quincalla de preto, descubriu o seu brazo. —A madeira deste brazo –exclamou o capitán, emocionado– pertence ao casco do Magno Godofredi, o mellor barco pirata que coñeceu o mar! Certo, de vello

53


54

o Godofredi fixérase corsario, pero iso non lle quita a descarada valentía que amosou nos seus mellores e malandracos días. Como te chamas, rapaz? —Eu… Fred Quincalla… –bisbou con timidez. —Fred Quincalla queda connosco! –berrou o capitán cinguindo a Fred polos ombros. Os piratas quedaron coa boca aberta, pois o capitán nunca falaba ben de ninguén. En realidade, o capitán nunca falaba a non ser para dar ordes, e era un home de poucos amigos. Só tiña un, o papagaio que sempre estaba pousado no seu ombro e ao que o capitán confiaba, de cando en vez, algún poema que el mesmo escribía. Fred Quincalla mirou para aquel grupo de piratas que o observaba con atención e desconfianza asemade. A tripulación daquel barco era temible. Todos tiñan nos seus rostros marcas de salvaxes pelexas, e nos seus dentes ouro incrusta-


do dos tesouros arrebatados a outros barcos. Un dos piratas levaba unha moeda enteira no lugar dos dentes incisivos, e cando sorría, semellaba ter un sol no medio da boca. Outro un anel e, cando falaba, as súas palabras fuxían como o asubío do vento por aquel aro dourado. O capitán, durante a cea, contoulle a Fred que un daqueles piratas chegara a pór entre os dentes un delicado reloxiño de ouro que pertencera a unha princesa, pero como todos lle abrían a boca para consultar a hora, o pirata fartárase e acabara retirándoo. Tamén lle contou a Fred que os coitelos de ouro do cociñeiro do Prisciliano podían cortar os dourados raios da treboada. E tamén lle dixo que ao gato pirata só lle quedaban tres vidas. As outras catro quitárallas o cociñeiro, pois o felino metera demasiadas veces o seu fociño na tarteira de ouro para probar a mellor caldeirada de luras dos sete mares.

55


56

Si, o capitán falaba moito porque estaba feliz coa compaña de Fred Quincalla, así que lle pediu que quedase. E Quincalla aceptou. —Esta cuberta ten que brillar coma o ouro dos vosos dentes! Ou máis se cabe! –berraba o capitán, pois, á parte de ser un home de poucos amigos, era moi escrupuloso e maniático. Tan maniático que non soportaba que os piratas levasen o pano furado nin o mostacho descoidado. Pero Fred Quincalla non tiña mostacho, nin pano. Ademais, a súas botas sempre estaban brillantes. —Quen me dera que toda a miña tripulación fose coma ti, querido Fred Quincalla –dicíalle á miúdo o capitán, orgulloso de ter con el un anaco do temible Magno Godofredi. Ás veces os piratas atacaban un barco para expolialo, mais Quincalla nunca participaba naquela actividade. Pero iso era algo que ao capitán do Prisciliano non lle parecía mal. Ao contrario, sem-


pre quería ter a Fred ao seu carón e facía votos porque non lle pasase nada, e ás veces mesmo lle confiaba un poema acabado de escribir. E pouco a pouco foise decatando de que Fred sabía moitas cousas. —Nótase que les moito, rapaz. A ver, dime, cal é o peixe máis pequeno? Cal é o lago meirande do mundo? Como se chaman esas estrelas que forman a hélice dun barco? Co tempo, o capitán concedeulle a Fred a medalla ao «Grumete que máis sabe», unha distinción que se lles daba antigamente aos chos ou grumetes mellor informados. E a partir dese momento non houbo decisión que o capitán tomase sen contar co cho Fred Quincalla, e non facía nada sen antes consultar a súa opinión. Malia a amabilidade do capitán, Fred sentíase algo incómodo con tanta atención, sobre todo porque notaba que non era querido entre a tripulación. E levaba

57


58

razón. Os piratas, celosos por todas aquelas atencións que o capitán lle prodigaba, non querían que Fred quedase no barco. Ás veces reuníanse todos para parlamentar e conspirar. O papagaio, que tamén estaba moi celoso porque o capitán xa non lle recitaba poemas, unírase a eles. —Fred Quincalla non di malas palabras. —Non di malas palabras! –repetía o papagaio. —Fred Quincalla non cospe na cuberta. —Non cospe na cuberta! —A Fred Quincalla tampouco lle interesan os tesouros. —Non lle interesan os tesouros! —Fred Quincalla non é dos nosos! —Abofé que non! Os piratas dixéronlle ao capitán que Fred Quincalla, malia ter un brazo feito co Magno Godofredi, era un estorbo


para o correcto funcionamento dun barco pirata. —Con todos os nosos respectos, capitán –dixeron os piratas–, se Fred Quincalla non marcha, organizaremos un motín. Está decidido. Foron vinte e tres votos a favor e tres abstencións. Nada máis escoitar a palabra motín, ao capitán encrespóuselle o pelo da barba, e ao papagaio as plumas, aínda que o paxaro tamén estivese metido no complot. Se había algo que ao capitán do Prisciliano Primeiro lle horrorizaba incluso máis que a desorde da súa tripulación, eran os motíns. «Non, non hai nada máis desordenado e caótico que un motín», pensaba. «Teño que decidir axiña.» E con moita pena o capitán pirata máis limpo e ordenado de todos os mares decidiu que Fred Quincalla tiña que marchar o máis rapidamente posible. Ao capitán do Prisciliano Primeiro doíalle moito tomar aquela decisión, mesmo pa-

59


60

sou varias noites sen pegar ollo e dando voltas na estreita cama do camarote. Pero a Fred Quincalla non lle doeu tanto ter que marchar, ao contrario. Aqueles piratas eran aínda máis ruidosos ca el, arrotaban estrepitosamente e pelexaban entre eles por calquera cousa. A tripulación do Prisciliano Primeiro axudou a Fred Quincalla a facerse de novo ao mar. O capitán pirata, que tivo que agochar a súa barbuda cara dentro dun pano para que non o visen chorar, ordenoulles aos piratas que enchesen a barca de toda clase de provisións. —Rapaz, terás dabondo ata que atopes unha illa –díxolle a Fred indicándolle ao mesmo tempo co seu dedo repleto de aneis a ruta que tiña que seguir. Por se acaso, o capitán entregoulle o seu mapa de navegación preferido, onde estaban marcadas as rutas marítimas e a localización das estrelas, para que Fred non se perdese.


E tamĂŠn colocou un fanal na proa da barca para que lle iluminase as noites. E xusto no momento de marchar, mesmo lle dedicou un poema de ocasiĂłn:


62

—Un bo día apareciches Fred Quincalla, compañeiro, coa túa maleta de lata no Prisciliano Primeiro. Eras un bo grumete de vasto coñecemento, alguén con quen conversar nas lánguidas horas sen vento. Mais aquí somos piratas, Fred, e andamos tras os tesouros faiche falla outro lugar para o teu corazón de ouro. Atoparás un bo sitio, Fred Quincalla, meu amigo, no que te sintas na casa e teñas merecido abrigo. Os piratas, que debaixo da súa desgairada e temible aparencia eran bastante sensibles, non puideron reprimir algunhas bágoas de emoción. Certo, algúns estiveran a piques de saltar sobre Fred Quincalla cando o capitán dixo iso de «corazón de ouro» e o capitán tivo que


disuadilos explicándolles que era unha metáfora, un xeito de falar. Que era poesía. Fred Quincalla, agradecido e emocionado, entregoulle un vello parafuso que levaba amarrado ao pescozo e despediuse do Prisciliano Primeiro. —Que a pantasma do Magno Godofredi te protexa! –berrou ao lonxe o capitán axitando o chapeu. —Que a pantasma do Magno Godofredi te protexa! –berrou o papagaio conspirador axitando unha á. —Que a pantasma do Magno Godofredi te protexa! –berrou o resto da tripulación axitando os panos cen veces recosidos. Axitando por última vez o seu brazo Fred Quincalla seguiu remando. E os días foron pasando. «Non atopo ningún sitio para vivir», pensaba. «Só hai autómatas perfectos, fermosos ou piratas ruidosos… Non existe un lugar para min, a non ser esta

63


barquiña que eu mesmo fixen coas miñas imperfectas mans. Terei que quedar dentro dela vagando para sempre polos sete mares.» Fred Quincalla perdía forzas, e con elas, a esperanza de chegar a un lugar onde por fin sentirse acollido. 64

Un día en que a barca de Quincalla bordeaba a costa dun lugar descoñecido, o seu compás parou. Non estaba estragado, senón que era coma se estivese dicíndolle: —Fred Quincalla, tes que ir a ese lugar que ves aí. Os seus ollos non vían nada, nubrados como estaban de cansazo. Mais de súpeto as nubes grises da fatiga foron retirándose, e Fred enxergou terra ao lonxe. —Fred Quincalla… Tes que chegar alí. Fred foi vogando na dirección daquela terra, mais facíao lentamente… E, cando


xa estaba a piques de chegar, estoupou a tormenta. Nunca vira unha tormenta igual. Os raios eran máis luminosos, os tronos máis ruidosos, a chuvia lanzas de auga. Mesmo as ondas eran moito máis grandes do habitual, e facían que a barca se abanease ameazando con envorcar. Fred púxose de pé tentando manter o equilibrio, mais a barca abaneábase con tanta violencia, que foi parar á auga. Un dos cabos enganchóuselle nun pé, e Fred tentou agarrarse con forza a el. Pero como estaba feito de materiais tan pesados, afundiu na auga e foi caendo… caendo… Ata que chegou ao fondo do mar. «Así é como deben de sentirse os barcos que afunden», pensaba mentres lle saían burbullas polas súas orellas. Tería que quedar alí para sempre? Era ese o final da súa viaxe? As estrelas de mar comezaban a facer as súas casas no alto da súa cabeza de madeira, os can-

65


66

grexos facíanlle cóxegas no mecanismo do seu ventre e os peixiños entraban e saían entre os ferros e os cabos cos que estaba feito o resto do corpo. «Tampouco está tan mal», pensou. «Descansarei por fin de tantas voltas polos mares. Os animais mariños non foxen de min, ben ao contrario.» E os días transcorreron profundos e fríos. —Ola, Fred. Quincalla, sen se mover, buscou a orixe daquela voz poderosa e enigmática. Pasara tanto tempo naquel fondo que as súas articulacións, anquilosadas, apenas lembraban o movemento. —Quen anda aí? –preguntou coa voz máis enferruxada que nunca. Ninguén respondeu á súa pregunta, mais el notaba unha presenza. Unha presenza poderosa como aquela voz, e igualmente benéfica. Os ollos de Quincalla movéronse o mínimo para ver un enorme corpo ache-


gándose lentamente a el. Era unha balea. Cando o animal xa estivo preto dabondo, o autómata decatouse de que era a mesma balea que o acompañara nas súas horas de maior soidade. Detrás dela, escoltándoa, viñan os golfiños. —Eu vin o Magno Godofredi afundir –murmurou a balea con voz milenaria–. Foi aquí mesmo, neste lugar. Mais diso xa hai moito, moitísimo tempo… Cen anos, polo menos. Incluso máis. —O Magno Godofredi? –balbuciu Fred–. O barco do que procede a miña madeira? A balea tardou unha peza en responder. —Si, ese barco –dixo por fin o animal, que falaba moi amodo–. Un día que pasaba por aquí vino afundir… Lentamente… Ata que tocou o chan areoso. Fred mirou aquelas burbullas desiguais que saían da boca da balea e cuxos reflexos prateados repetían a imaxe dun barco maxestoso.

67


—E… E por que afundiu? –preguntou Fred emocionado, os seus ollos seguindo o ascenso das burbullas. Era a primeira vez que podía saber algo da súa procedencia. —Foi por mor dos canonazos doutro barco –respondeulle a balea–. Eran tempos conflitivos no mar, Fred, tempos de tesouros e polo tanto de cobiza. A Fred embargábao unha estraña emoción.



70

—Din… Din que o Godofredi era un barco… pirata. É iso certo? –preguntou con voz tremente, pois ao mesmo tempo tiña medo da resposta. —Era un barco pirata, era –respondeu a balea–. E dos máis terribles. Mais o Godofredi estaba feito dunha boa madeira. Eu sabía que, se alguén atopaba algún día o casco, farían algo fermoso con el. E así foi. —Ah, si? –dixo el con incredulidade–. E que fixeron? —Fixéronte a ti, Fred Quincalla. Unha chea de burbullas de descontento saíron da boca do autómata. —Fermoso? Eu, fermoso? –exclamou facendo que algúns peixes fuxisen escorrentados do interior do seu ventre–. Iso non é certo. Todos aí arriba din que son horrible, e que non sirvo para nada. Todos sen excepción din que fun creado de mala maneira. —Todos? –preguntou a balea.


—Todos –respondeu–. Incluso a min mo parece. —Pode que non rematases a túa busca, Fred –proseguiu a balea–. Seguro que alguén agarda por ti aí arriba. Máis burbullas, agora feitas de desagradables lembranzas, saíron da boca de Quincalla. —Pois se hai alguén –exclamou–, que agarde, porque eu vou ficar aquí. Aí arriba non atopo o meu lugar. Aquí, polo menos, os peixes ousan achegarse a min. Eles entran e saen sen dicir nada… —Aquí vaste enferruxar –dixo a balea–. E a túa madeira vai podrecer. —Pois enferruxarei e podrecerei. —Non, Fred. Ti fuches feito para estar aí arriba. A balea empezou a moverse, e os golfiños con ela. Marchaban. Fred Quincalla desexaba dicir algo máis, pero non sabía o que. —Non perdas a esperanza –murmurou a balea pasando a carón del.

71


Quincalla deixouse acariñar polo ronsel de brillantes burbullas e polo movemento acuático da balea e dos golfiños desprazándose, e mirounos ata que desapareceron no verdor.

72

Volveron pasar os días, mais Fred non deixaba de pensar nas palabras da balea. Fermoso? Eran imaxinacións súas, causadas pola fatiga e pola ferruxe, ou aquela balea dixera que era fermoso? Tamén dixera que o seu lugar estaba alí arriba, na terra. Como era posible? Non, non era posible, e non obstante el sentía que… Alguén tirou do cabo que quedara prendido do pé de Fred Quincalla, quen sentiu que volvía a subir á superficie. —Isto non é un peixe! –exclamou a pescadora que estaba ao outro lado do cabo, suxeitando a Fred con todas as súas forzas.


Deitado na barca daquela pescadora, Fred non respondía nin abría os ollos. Ela tentaba reanimalo, inutilmente. Aquel autómata feito de partes de barco antigo non daba sinais de vida. Remando sen parar, a pescadora levouno a terra. Alí avisou os mariñeiros, que foron correndo chamar polo reloxeiro da vila para que tentase facer algo polo compás de Fred. O reloxeiro, que acudiu a correr, puxo a súa man sobre o peito de Quincalla e cun movemento solemne da cabeza dixo que non, que non se podía facer nada por el. Aquel compás deixara de funcionar. —Está demasiado oxidado –concluíu mirando todo o corpo de Fred. Un murmurio de desencanto percorreu a multitude arremuiñada arredor de Fred Quincalla. A todos lles gustaba aquel autómata saído das profundidades e, aínda que non o coñecían de nada, todos sentían unha inmensa tristura. Os mariñeiros, melancólicos, comezaron a cantaru-

73


74

xar unha canción de naufraxios. A pescadora que extraera a Fred das profundidades onde durmía non puido reprimir as bágoas. —Quen… Quen canta dese xeito tan desafinado? –murmurou Fred abrindo os ollos contrariado e tusindo para desatascar o seu compás–. Quen me está a mollar coas súas bágoas? Todas as miradas arrouparon a Fred Quincalla, que tusía e desengoumaba o seu debilitado corpo. —Está vivo! Aquela exclamación foi transmitida dun lado a outro da vila. Incorporándose, Fred viu que a pescadora que o sacara da auga, e que non se separara del nin un instante, era coma el. Mellor dito, non era coma el. Ou mellor dito aínda, ela tamén estaba feita de moitas partes de barco, pero diferentes ás súas. —Todos na vila somos así –díxolle ela amosando un sorriso de parafusos desiguais–. Aquí ninguén é igual a ninguén.


Sentado no chan Fred Quincalla miraba arredor. Todo estaba feito con materiais variados, e de cores e tamaños diferentes. Nada que ver co aceiro inoxidable e o ferro pulido da cidade dos robots perfectos, nin coa excesiva beleza da illa dos autómatas fermosos. O vento percorría as rúas como po máxico, outorgándolle unha cor especial a todo. —Aquí hai vida –murmurou Fred. Por estraño que pareza, por primeira vez na súa vida Fred Quincalla sentiuse vivo. Xa non tiña medo, nin sequera polas noites. Naquela vila a ninguén parecía importarlle que falase daquela maneira tan oxidada, pois alí todos falaban dunha maneira particular. Tampouco lles importaba que cometese erros. —Os erros sempre se poden reparar, igual cós barcos –aseguraban os mecánicos daquel lugar. Quincalla fíxose forte. Era feliz no medio daqueles autómatas que non se estra-

75


76

ñaban se lle saían pingas de auga polos ollos, se o vían correr de alegría, ou se a súa boca se estiraba de orella a orella para amosar os seus dentes feitos de parafuso de diferente tamaño, pois a todos lles pasaba o mesmo. Mais, pese a que agora volvía a funcionar á perfección, o seu compás seguía a ser o corazón dun nómade. Por iso Quincalla non tardou en fabricar o seu propio barco, unha goleta veloz e lixeira. Así, de cando en vez, saía ao mar para permanecer nel durante varios días seguidos. Pero agora sabía que tiña un lugar ao que volver cando quixese… E tamén un amor.



78

—E aquí remata a historia de Fred Quincalla –dixo Leopolda–. Gustouche, Gran Gogol? Eh, Gran. Estás chorando? El tentou agochar o seu rostro coa manta. —Non… –murmurou. Leopolda achegouse a el. —Si, Gran. A miña historia fíxoche chorar. —Bríllanme os ollos, Leo, iso é todo. De sono. —Iso quere dicir que che gustou? —Si. Gustoume. Dime, Leopolda, ese parafuso oxidado que atopaches entre as túas cousas era o mesmo que Fred Quincalla lle entregou ao capitán do Prisciliano Primeiro no momento da despedida? —Claro –respondeu, amosándolle o parafuso–. Claro que si. Mais non me preguntes como foi parar ás mans do mestre André Figura porque non me lembro. Pero talvez consiga facer memoria e cho conte noutro momento. Eh, Gran. Estás a durmir?


—Non –murmurou. —E logo, por que pechas os ollos? —Penso en Quincalla. —Ah, si? E que pensas? —Pois… –comezou Gran despois dun momento–. Penso que Fred é un pouco coma nós. Sempre estamos fuxindo. Pero nós non temos casa. Leopolda… Cres que algunha vez atoparemos un lugar onde sentirnos na casa? Os ollos do Gran Gogol brillaron aínda máis. —Este barco é a nosa casa, Gran –murmurou Leopolda dándolle un bico na meixela. —Si. Si, é certo –dixo el secando aquel asomo de bágoas cun anaco de manta–. Tes razón. Veña, imos durmir. Leopolda ergueuse. —Nada de durmir, Gran. Teño fame! —Que? —Que xa é hora de almorzar. —Xa?

79


Era certo. O sol xa saíra e iluminaba un novo día.

80

Rematado o almorzo, Leopolda Diéguez e o Gran Gogol desembarcaron na vila, disfrazados para non seren descubertos, e realizaron o seu pequeno espectáculo musical no mercado. Ao rematar o repertorio a xente botoulles moedas no chapeu que dispuxeran no chan. —Viches cantas moedas pescamos hoxe, Leopolda? –dixo o Gran Gogol despois de contalas–. Por que non imos mercar algo? —Por min, ben –respondeu ela–. Pero esta barba pica. E estes pantalóns quédanme demasiado grandes. —Aguanta un pouco máis –pediulle Gran mirando arredor–. Por certo, onde estamos? —Se che digo a verdade, non o sei. Ultimamente viaxamos por tantos lugares que xa perdín a orientación.


—Imos. —Si. Tras faceren algunhas compras Leopolda e o Gran Gogol elixiron unha mesa nun dos bares do porto. —Gran –observou ela despois de sorber do seu refresco–, creo que deberías compoñer cancións algo máis alegres. O Gran Gogol levantou os ollos do seu xeado de limón. —Por que? –preguntou estrañado. —Pois… Porque naquel grupo que nos escoitaba cantar había dúas mulleres e un home chorando. —Ah –dixo Gran, collendo unha cullerada de xeado coma un mundo–, iso é porque uns galopíns lles roubaron os moedeiros. —Seguro? —Claro –asegurou el–. Pero no que respecta ás cancións, Leo, vouche dicir unha cousa: todo o mundo gusta das cancións tristes. Fanche lembrar vellos amores.

81


82

—Unha ou dúas cancións non che digo que non, Gran. Pero todo o repertorio… Ademais, por que teñen que falar todas do teu amor por Rosa? O Gran Gogol levou un dedo aos beizos para pedir silencio. Sen querelo, acababa de escoitar un anaco da conversa que mantiñan uns mariñeiros. Fíxolle acenos a Leopolda para que escoitase. —Hoxe cedo –dicía un dos mariñeiros– vin a Fred Quincalla camiñando co seu paso torpe polo peirao. —Ah, si? Pois eu oíno cantar coa súa voz enferruxada cando saía pescar coa miña barca, ao anoitecer –asegurou outro. —Pois eu –concluíu un terceiro– vino esta mañá rindo e amosando os seus dentes tortos cando escoitaba o espectáculo de música que había no peirao. O Gran Gogol achegou a súa cabeza á de Leopolda por riba da mesa. —Leopolda… –murmurou–. Oíches? Que casualidade. Esa xente está a falar de Fred Quincalla.



84

Desconcertada, Leopolda miraba para aqueles homes. —Eh, Leo –murmurou de novo Gran, tocándolle un brazo–. Que che pasa? Estás ben? Eh, responde. Mais a Leopolda fíxolle falta un tempiño para recuperar a fala. —Pensan que existe… –murmurou ela. Leopolda non daba creto. —Pensan que Fred existe… –repetía. —Claro –dixo Gran–. Iso é o que dicías, non? Que Fred Quincalla existe. Eh, Leo, responde. Leopolda Diéguez mirou en fite ao seu amigo. —Era unha invención, Gran. —Que…? Que queres dicir? —Que eu inventei a historia de Quincalla –confesou–. Onte pola noite. Inventeina para ti. Os ollos do Gran Gogol debuxaron a redondez das grandes sorpresas. —Estás de broma –dixo.


—Non, Gran, de verdade. Atopei un parafuso oxidado e entón púxenme a inventar. —Era… unha mentira? Todo? —Falas coma El-Rei, Gran Gogol –reprobouno Leopolda–. Era unha historia, non unha mentira. Unha historia. —Xa, xa, perdoa. E logo… Por que esta xente está a falar de Fred…? —Pois non o sei, Gran –dixo ela encollendo os ombreiros. E naquela taberna todos seguían falando de Fred. Case todos aseguraban que o viran, e algúns mesmo que falaran con el. De camiño ao barco, Leopolda, pensativa, apenas falaba. Tan concentrada ía que non notaba nin a barba postiza nin os pantalóns. —Velo, Leo? –dixo o Gran Gogol rompendo o silencio–. Se Quincalla anda por aí, quere dicir que a túa maxia funciona.

85


86

—Si –murmurou ela–. Talvez. Gran parou en seco e suxeitou a súa amiga por un brazo. —Que pasa? –preguntou Leopolda intrigada–. Non me digas que anda por aí a garda da duquesa. —Non, Leo. —A garda de El-Rei? —Non, Leo, non é iso. Acaba de ocorrérseme unha idea xenial. Musgando os ollos, Leopolda mirouno con desconfianza. —Unha… idea? —Claro, Leo… –asentiu el, emocionado–. E se esta noite inventas unha historia comigo e a miña querida Rosa? Eu podería ser un cabaleiro e Rosa unha bailarina en perigo… E hai un horrible dragón que a mantén prisioneira… Un dragón un pouco actor de teatro, xa sabes… E eu consigo vencer ese horroroso dragón e libero a… Leopolda mirou para o seu amigo.


—Creo que xa é hora de que vaias buscar ti mesmo a Rosa, Gran. Sen historias. Xa era tarde cando o Azimut se introduciu no mar. O Gran Gogol, na cuberta, soñaba co seu amor e á luz dunha candea trataba de crear un poema coas palabras que Leopolda lle aprendera a escribir. —O sol… no ceo… pinta… nu… Oes, Leo. Nube era con be ou con uve? Leopolda Diéguez, levando o leme, pensaba en novas historias e non escoitaba. —Bah, que máis ten –proseguiu el–. Xa mo corrixirás. O sol no ceo… pinta nuves fermosas… como eu pinto o meu amor… de cálido rosa. Leo, ti que dis? Cres que é unha boa rima? Leo! Tan concentrada ía Leopolda nas súas historias que non só non escoitaba o Gran Gogol, senón que non se fixou na

87


88

goleta que nese momento pasaba lixeira preto do Azimut. —Adeus, Leopolda. Ela volveuse para mirar quen a saudaba con aquela voz tan diferente de calquera outra voz escoitada antes, mais xa non había ninguén. Ningún barco á vista. Só o vento que sopraba a favor enchendo de forza as velas do Azimut. Unha balea ao lonxe entoaba unha canción de profundidades.




Escribiron

e debuxaron…



Teresa González Costa

Teresa González Costa (O Grove, 1975) licenciouse en Filoloxía inglesa e italiana, e obtivo un diploma en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Formando parte de diferentes compañías e realizando cursos de danza e voz formouse no teatro, tanto en Galicia como en Italia e Francia. Impartiu cursos de teatro en centros de ensino. Cunha bolsa de estudos suíza foi a Xenebra, onde profundou na obra de Nicolas Bouvier, viaxeiro e escritor. Alí tamén realizou guións para un programa cultural radiofónico e asistiu a cursos de dramaturxia. É autora de pezas de teatro publicadas nas editoriais Fervenza e Laiovento. Foi mención especial no certame Barriga Verde, 2004, e finalista no Rafael Dieste, 2005. Acadou, en 2008, o XVII Premio Álvaro Cunqueiro con Sempre quixen bailar un tango (Xerais, 2009) e o III Premio Manuel María de literatura dramática infantil con Pingueiras e tarteiras (Xerais, 2009). En 2011, acadou o I Premio Mome de Teatro con Madeira de Gañador.

93


94

Acompañada de músicos como Clara Pino, Julien Menant, Quico Boullosa, Jeremy Künzle, Gabriel Giordano ou Lutfi Jakfar realizou espectáculos poético-teatrais das obras A Odisea, Moby Dick (a primeira vez, no Verbum, coas imaxes en directo de Jacobo Fernández) e, ultimamente, Don Quixote. Ás veces, desde hai anos, conta historias e recita poemas inéditos de seu. Como narradora infanto-xuvenil publicou as novelas A filla do ladrón de bicicletas (Xerais, 2010), Premio Merlín de Literatura Infantil, 2010 e Premio Frei Martín Sarmiento, 2012 (Categoría 5º e 6º Primaria), e Eu, pel (Xerais, 2012). Os santos nunca dormen (Xerais, 2014) é a súa primeira novela na colección Xerais Narrativa. —Como se lle ocorreu a historia de Fred Quincalla, o nómade do mar? Os autómatas sempre me produciron fascinación e ao mesmo tempo certa inquedanza. Gústame crear a partir desa sensación. Tamén me gusta tocar a madeira dos barcos vellos e a que aparece na beira das praias, e tentar adiviñar a historia que conta. Alén


diso, o conto da tradición popular estivo moi presente no que fixen ata agora, e nesta historia tamén se ve. Non é algo intencionado, pero se sae así por algo será. En canto a Leopolda Diéguez e Gran Gogol, non podo dicir nada, e creo que xa sabedes por que. —Na súa literatura infantil, que é o que máis lle interesa transmitirlle ao público? Nas profundidades deste mar no que navego, ás veces atopo algo brillante e cando emerxo despois de dar un pincho quero transmitilo aos catro ventos. Quero ofrecelo, compartilo, porque se non o fago ese «algo» perde valor. Así que, se a persoa que le o libro atopa un pouco de ouro entre as páxinas, creo que xa é suficiente. Ou prata, ou un seixo bonito, ou un cristal pulido, ou un anaco de ferro cunha forma interesante… —Na súa opinión, cal é a función primordial da literatura infantil e xuvenil? A de lograr ser unha terra de acollida na que un se poida perder e ao mesmo tempo se sinta a gusto.

95


96

Cando se abre a porta dun libro, non hai nada mellor como sentirse na casa, unha casa que non obstante agocha moitos recantos novos por descubrir. Un bo libro é un refuxio con sorpresas. —Gustáronlle as ilustracións que realizou Marina Seoane para o libro? Moito. Cando eu andaba polos dez ou once anos a miña nai regaloume un libro que estaba ilustrado por Marina Seoane, que tiña que ser moi nova. Daquela era o meu libro preferido. Sempre me gustaron as súas ilustracións, tan evocadoras, fermosas e poéticas. Así que ver unha historia miña ilustrada por ela é bonito e tamén emotivo. —Que consellos lles daría aos nenos e nenas para que se animen a ler? Agarda que penso… Ler pode ser emocionante (moitas veces), interesante (outras tantas), instrutivo (claro), terrorífico (coidado…), aburrido (pode pasar), divertido (como non), tranquilizador (tamén),


sorprendente (se che contase…), necesario (sempre!). E se esas emocións están ao teu alcance, por que agardar a que alguén che dea consellos!?

97



Marina Seoane

Marina Seoane (1957) licenciouse en escultura pola Facultade de Bellas Artes de Madrid. Comezou a súa traxectoria profesional como ilustradora no ano 1980; dende entón colaborou con máis de corenta editoriais españolas e estranxeiras, estudos de deseño e organismos oficiais, ilustrou ao redor de 250 libros e publicou como escritora cinco contos. Exerceu como profesora de debuxo en colexios privados de Madrid e A Coruña e impartiu talleres de ilustración, modelado, máscaras e marionetas en diversos organismos, entre os que se contan a Biblioteca Nacional de Madrid, os Talleres Municipais de Majadahonda (Madrid), o Salón do Libro Infantil e Xuvenil realizado no Centro Cultural Conde Duque de Madrid e en numerosas bibliotecas e colexios de toda España. Varios dos seus libros obtiveron premios e mencións. Actualmente vive en Oleiros, A Coruña e compaxina a súa profesión de ilustradora coa de artesá na elaboración de tapices e marionetas. Para Xerais ilustrou ata agora Raquel

99


100

ten medo (2004), O meu avó é unha gata (2005), Lúa do Senegal (2009), O aroma do liquidámbar (2012) e Fred Quincalla, o nómade do mar (2017). —Vostede ten unha formación pictórica. Reflíctese dalgunha maneira nas súas ilustracións? Pois claro que si. Dende moi pequena seducíronme as cores e as texturas de todo o que me rodeaba e na facultade aprendín a mesturar as cores básicas e crear novos tons e matices; descubrín distintos materiais como as ceras, as cores a pastel, os óleos e a acuarela e as súas posibilidades, e toda esta aprendizaxe leveina posteriormente aos meus debuxos e ilustracións. —Cando se enfronta a un libro, como empeza a pensar na tarefa de ilustralo? O primero que fago é ler o texto como o faría calquera lector; coñecer a historia completa e que sentimentos e sensacións provoca no meu interior, por exemplo tenrura, alegría, pena, furia… A continuación decido a técnica que vou a usar, a que me parece


máis adecuada para a historia, e logo comezo a realizar bosquexos das personaxes protagonistas. É fundamental decidir como vai ser a imaxe da personaxe principal e sabela mover en varias posicións. Cómpre tamén documentarse sobre a época en que se desenvolve a historia, que traxes se levaban, como era a decoración das casas etc. —Como enfocou o traballo de ilustrar este orixinal onde hai personaxes tan variados? Foi un reto moi emocionante. Sempre me poño moi nerviosa ao principio, ata que fago os bosquexos de todos eles e do ambiente en que os vou colocar. Logo elixo no texto que parte da narración vou ilustrar; sempre elixo unha parte que me seduza especialmente polo lugar onde se atopan, por exemplo, a sala dun palacio ou as adegas dun barco; tamén me condiciona o que están facendo nesa escena, se é algo tenro, ou emocionante… Isto de ilustrar é toda unha aventura.

101


102

—Se tivese que elixir, que historias lle gustaría ilustrar? En xeral, gústanme moito as novelas históricas de tempos e culturas de lonxe, como por exemplo o antigo Exipto, as culturas aztecas ou maias ou da antiga Grecia. Tamén me gustan moito as historias fantásticas con dragóns, cabaleiros de armadura e preciosas doncelas e, dende logo, os relatos de animais.


SOPA DE LIBROS

SOPA DE LIBROS ÚLTIMOS TÍTULOS PUBLICADOS A PARTIR DE 8 ANOS

UN NIÑO NO XARDÍN Autor: Xoán Neira Ilustracións: Ánxeles Ferrer O CAPITÁN ASPANITAS E O MISTERIO DAS BURGAS Autor: Ramón Caride Ilustracións: Jaime Asensi DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE Autor: Agustín Fernández Paz Ilustracións: David Pintor O RAPOSO E A MESTRA Autor: Manuel O´Rivas Ilustracións: Jacobo Fernández Serrano AS VIAXES DE RUKI Autor: Ramón Caride Ilustracións: Manolo Uhía


O SEGREDO DA ILLA NEGRA Autor: Agustín Fernández Paz Ilustracións: Miguelanxo Prado O TROMPETISTA E A LÚA Autor: Xelís de Toro Ilustracións: María Lires UNHA CASIÑA BRANCA Autor: Marcos Calveiro Ilustracións: Marcos Viso O SOÑO DO MERLO BRANCO Autor: Agustín Fernández Paz Ilustracións: Lucía Cobo FRED QUINCALLA, O NÓMADE DO MAR Autora: Teresa González Costa Ilustracións: Marina Seoane


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.